Inicio / Galicia Calidade / Quen somos

Quen somos

Mediante o Decreto 382/1994, do 15 de decembro, a Xunta de Galicia creou a sociedade mercantil Galicia Calidade, S.A.U., para xestionar e autorizar o uso da marca rexistrada Galicia Calidade a todos aqueles produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego teñan acreditado o uso desta, despois de declarada a súa calidade a través dos correspondentes mecanismos de control e auditoría.

A marca Galicia Calidade xurdiu despois da plena identificación da Administración, as empresas e a sociedade co slogan dunha campaña publicitaria desenvolvida en 1991 pola Xunta de Galicia. En 1995, o Goberno galego constituíu a empresa pública, tras a aprobación do Decreto 382/1994.

Dende entón, a empresa pública certificou a calidade de máis de 50 empresas e 300 produtos dos sectores máis representativos da economía galega, como os de téxtil-moda, xoiaría, pedras ornamentais, turismo, agroalimentación e pesca, entre outros.

En xullo de 2014, o Consello da Xunta de Galicia acordou converter o selo Galicia Calidade na marca paraugas da economía galega para impulsar a súa competitividade nos mercados exteriores. Deste xeito, outorga novos criterios para que os produtos xa certificados por outros selos de orixe poidan utilizar o emblema de Galicia Calidade.

As condicións para o uso do selo Galicia Calidade están establecidas no Regulamento de uso da marca de garantía, que estipula as obrigas que deben cumprir as empresas e os produtos certificados, así como as auditorías que deben superar.

Galicia Calidade, S.A.U. está participada integramente pola Administración galega e está adscrita á consellería con competencias en comercio. Os seus órganos de xestión están formados por:

  • Consello de Administración, integrado por representantes das consellerías con competencias en comercio, agricultura, pesca e facenda. Tamén conta cun representante do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica).
  • Presidente, que é a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e a que se encarga, entre outras funcións, de asumir o goberno da sociedade.
  • Director xerente, que ten entre as súas funcións dirixir a organización empresarial da compañía e os seus negocios sociais.

Redes sociais

Multimedia