Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Conde salienta que Galicia Calidade pon en valor a oferta turística da Comunidade distinguindo “o que nos fai diferentes”
25/09/2017.

Conde salienta que Galicia Calidade pon en valor a oferta turística da Comunidade distinguindo “o que nos fai diferentes”

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron na entrega de diplomas aos primeiros 44 establecementos turísticos galegos que contan xa con este selo ao abeiro do acordo co Clúster do sector

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que Galicia Calidade permite poñer en valor a oferta turística da comunidade a través dunha marca propia que distingue “o que nos fai diferentes”. Conde participou, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na entrega de diplomas aos primeiros 44 establecementos turísticos (43 hoteis, restaurantes e casas rurais e o porto deportivo de Sanxenxo) que contan con este selo ao abeiro do acordo co Clúster de Turismo de Galicia para facer extensiva a marca ao sector.

No acto, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou que Galicia Calidade acredita xa máis de 300 produtos de máis de 100 empresas, e que agora é tamén un valor engadido do turismo galego, reforzando certificados estatais como a Q de calidade, coa que contan xa 282 establecementos galegos.

Conde subliñou ademais que esta marca avala o servizo e a atención que recibe o viaxeiro, e é ao mesmo tempo unha garantía de que moitos dos produtos xa amparados baixo as Denominacións de Orixe Galega e as Indicacións Xeográficas Protexidas están na carta das empresas recoñecidas con esta certificación, establecendo sinerxías co turismo, un sector estratéxico que representa o 11% do PIB galego e o 12% do emprego.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, felicitou ás empresas recoñecidas hoxe porque, como dixo, con este distintivo “demostran que a calidade non é só un obxectivo final, senón un xeito de traballar”. Aspecto compartido coa filosofía da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento elaborado man a man co sector que senta as bases do turismo galego para os vindeiros anos, baseado na excelencia, responsabilidade, sustentabilidade e internacionalización.

Neste sentido, destacou o decisivo papel do sector ao contribuír a que esta Estratexia estea a dar os seus primeiros froitos e ir cumprindo os obxectivos marcados. Como constata o feito de que nos meses centrais do verán, os hoteis galegos acadasen os seus mellores rexistros históricos en pernoitas e de ocupación, con preto de 1,3 millóns de viaxeiros que realizaron case 2,9 millóns de noites. Trátase dunha cifra nunca antes acadada e que supón un 5% máis que o ano pasado. Nava Castro valorou especialmente estas cifras que se conseguen, dixo, cun sector excelente como demostran recoñecementos como o selo Galicia Calidade que aporta prestixio, diferenciación, fiabilidade, rigorosidade e tamén promoción á comunidade galega como destino “diferenciado e referente en excelencia”.

Redes sociais

Multimedia