Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Gómez Noya, galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes
08/06/2016.

Gómez Noya, galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes

O pentacampión do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya, patrocinado por Galicia Calidade, foi galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016.

Javier Gómez Noya, pentacampión do mundo de tríatlon e tetracampión europeo, foi galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016 polo seu "incontestable e brillante palmarés", na parte deportiva. O xurado tamén valorou, entre as súas calidades persoais, "os valores de esforzo e perseveranza ante a adversidade, demostrando unha enorme fortaleza e un encomiable espírito de superación".

Gómez Noya, que conta co patrocinio de Galicia Calidade, figuraba entre os favoritos do xurado, entre os que estaban o equipo de rugbi de Nova Zelandia, os All Blacks, a esquiadora Lindsey Vonn e o piloto de ralis Sebastian Loeb. 

O deportista galego (Basilea, 1983) era o único español dos finalistas despois de conseguir na súa carreira o que ninguén lograra: ser cinco veces campión do mundo de tríatlon e catro títulos europeos, o último conquistado recentemente en Lisboa.

Na presente edición dos Premios dos Deportes unha vintena de candidaturas de dez nacionalidades optaban inicialmente á distinción, o quinto premio en fallarse dos oito galardoes internacionais que convoca anualmente a Fundación Princesa de Asturias, que este ano alcanzan a súa XXXVI edición. Entre os aspirantes tamén figuraban a nadadora paralímpica Teresa Perales e a saltadora de altura Ruth Beitia.

Obxectivo, Río 2016

A última fazaña do galego foi fai tan só uns días. O pasado 28 de maio, Gómez Noya, en Lisboa,  proclamouse por cuarta vez campión de Europa, o primeiro atleta da súa disciplina que o consegue. Pero a mirada tena posta no próximo mes de agosto, onde quere conseguir o ouro nos Xogos de Río. 

Gómez Noya conseguiu o brillante palmarés a pesar das adversidades, xa que padece unha valvulopatía aórtica congénita, o que provocou que o Consello Superior de Deportes solicitase a retirada da súa licenza para toda competición oficial (2005). Ao ano seguinte, despois de loitar nos despachos, conseguiu a licenza para conquistar o olimpo como deportista

Redes sociais

Multimedia