Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Premio "Superior Taste Award" para o xamón Selecta de Coren
28/06/2017.

Premio "Superior Taste Award" para o xamón Selecta de Coren

O Xamón Selecta, que conta co certificado de garantía Galicia Calidade, procede de raza seleccionada para facilitar a infiltración de graxa e se crían en granxas galegas, co máximo benestar

O director xeral do Grupo Coren, Emilio Rial,  recolleu en Bruxelas o premio Superior Taste Award que o Instituto Internacional de Sabor e Calidade (International Taste & Quality Institute, iTQi), outorgou ao Xamón Selecta de Coren, procedente de porcos alimentados con castañas e que conta co certificado de garantía Galicia Calidade.

A concesión do premio ao Xamón Selecta de castañas outorgouse tras unha cata na que participaron chefs de 15 das máis prestixiosas asociacións culinarias de Europa, con traxectorias profesionais amplamente recoñecidas e avaladas por premios como a Estrela Michelín e cunha longa experiencia en degustación. Trátase dunha cata a cegas, na que o produto foi sometido sen ningunha identificación á avaliación dos chefs para analizar os seus parámetros gustativos e sensoriais. 

Na devandita cata, o Xamón Selecta obtivo dúas estrelas de ouro, que se corresponden cunha cualificación de "sabor e calidade sobresaliente" por parte dos chefs, que avaliaron moi positivamente as características do xamón: o seu aroma, veteado, a textura obtida con punto xusto de curación e o sabor especial que lle achega a alimentación dos porcos con castañas. O premio supón unha acreditación tanto a nivel nacional como internacional da calidade e o sabor do produto, certificada por parte dos maiores expertos en gastronomía de Europa.  

Éxito no mercado

Desde o seu lanzamento en 2013, o Xamón Selecta foi un éxito no mercado. Os porcos Selecta son de raza seleccionada para facilitar a infiltración de graxa e se crían en granxas galegas, co máximo benestar. Ademais, a alimentación con castañas -como sempre se fixo no campo galego- confire aos xamóns da gama Selecta de Coren un excelente sabor. 

Cúranse de modo artesanal nos secaderos do Grupo Coren en Lugo, onde se reproducen as condicións de temperatura e humidade en que tradicionalmente se curaban os xamóns nas casas galegas, contribuíndo así a lograr o mellor aroma e veteado. A castaña destinada aos porcos da gama Selecta procede integramente de Galicia, colléitase en tempada e logo pélase, coce e conxela.

Redes sociais

Multimedia