Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Premio de xornalismo de Coren para recoñecer a contribución dos medios ao desenvolvemento do sector agroalimentario
08/07/2017.

Premio de xornalismo de Coren para recoñecer a contribución dos medios ao desenvolvemento do sector agroalimentario

O Grupo, que cumpre 55 anos, quere trasladar á sociedade o seu compromiso con Galicia e co desenvolvemento do sector agroalimentario galego

O Grupo Coren conmemora neste ano 2017 o seu 55 aniversario, efeméride que festexará coa organización de diversos eventos ao longo do segundo semestre do ano que terán como obxectivo trasladar á sociedade o seu compromiso con Galicia e co desenvolvemento do sector agroalimentario galego que definen a actividade da cooperativa desde o seu nacemento.

A primeira das actividades previstas dentro deste ciclo é a convocatoria do Premio Coren de Xornalismo. Como empresa socialmente responsable e comprometida desde fai máis de medio século co desenvolvemento do sector agroalimentario galego, a cooperativa convoca este certame coa finalidade de recoñecer o traballo e mérito da actividade xornalística dos profesionais dos distintos medios de comunicación social, a través dunha obra ou da súa traxectoria profesional, a favor da promoción do sector agroalimentario galego, dando a coñecer a súa situación, retos aos que se enfronta e o seu potencial para contribuír ao desenvolvemento da economía de Galicia.

A esta convocatoria poderán presentarse os traballos publicados en prensa escrita, radio, televisión e medios dixitais que teñan como temática o sector agroalimentario de Galicia.

Os traballos ou conxunto de traballos (escritos, gráficos, audiovisuais ou multimedia) que participen no concurso terán que estar publicados en medios de comunicación editados en Galicia ou doutro ámbito xeográfico, pero deberán referirse a Galicia, entre o 1 de setembro de 2016 e o 30 de agosto de 2017. O prazo de presentación de traballos termina o 31 de agosto de 2017.

As propostas para optar a este premio poderán ser presentadas polos interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións públicas ou polo propio xurado. O premio será determinado por un xurado independente constituído por profesionais da comunicación. O premio será único e terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Os traballos poderanse presentar ou enviar ao Departamento de Comunicación de Coren, Santa Cruz de Arrabaldo 32990 Ourense. Teléfono: 988 36 94 00, ou ao correo electrónico comunicacion@coren.es As bases do premio pódense consultar na web www.coren.es e publicaranse nos medios de comunicación.

Redes sociais

Multimedia