Inicio / NOVAS / Notas de prensa / Galicia Calidade certifica os produtos da empresa coruñesa Cerámica Verea
30/10/2017.

Galicia Calidade certifica os produtos da empresa coruñesa Cerámica Verea

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salienta nunha visita a Cerámica Verea con motivo do seu 50º aniversario que esta é un exemplo dunha empresa que innova, que exporta e que emprende a partes iguais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde avanzou hoxe un novo programa de internacionalización dixital dotado cun millón de euros para que as pemes galegas comecen a utilizar as plataformas de comercio electrónico como inicio da súa estratexia de exportación. Conde informou deste novo programa nunha visita á compañía de Mesía Cerámica Verea con motivo do seu 50º aniversario. Na súa intervención, o conselleiro apuntou que esta firma é un exemplo dunha empresa que innova, que exporta e que emprende a partes iguais, salientando que sería un logro que isto se reproducise en todo o tecido empresarial galego.

O conselleiro apuntou que o feito de que as exportacións galegas estean en cifras récord e medrasen un 8,4% no que vai de ano é mostra do esforzo que están a facer compañías como Cerámica Verea e a industria galega no seu conxunto por ser máis competitiva no exterior. Conde sinalou que o obxectivo da Xunta é consolidar, e mesmo redobrar, ese récord exportador que xa se leva conquistado durante catro anos consecutivos, con programas como o que hoxe anunciou, e outras como unha nova edición do programa Galicia Exporta e das axudas á contratación de xestores de internacionalización, o plan Foexga ou as bolsas de promoción exterior.

Neste punto, o responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria salientou que a Xunta leva apoiadas este ano 25 misións comerciais inversas, a través das cales viñeron a Galicia máis de 170 empresas estranxeiras. Ademais, a través dos programas Foexga e Galicia Exporta Organismos Intermedios arredor de 500 empresas galegas participaron en 70 feiras internacionais neste 2017.

Xunto con isto, apuntou o conselleiro que a Xunta traballa tamén para axudar a que as empresas, igual que o fixo Cerámica Verea, incorporen a innovación ao seu día a día, mobilizando máis de 900 millóns de euros en proxectos innovadores a través da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), con programas como as Unidades Mixtas de Investigación ou o mapa de aceleradoras de emprendemento, aos que se lles dará continuidade o vindeiro ano.


Ademais de impulsar a Industria 4.0, Conde fixo fincapé en que tamén se busca poñer ao alcance das empresas recursos financeiros, con programas como o dos novos instrumentos financeiros innovadores (IFIs), cos que se prevé mobilizar 60 millóns de euros.

Traxectoria de éxito

Cerámica Verea, que hoxe recolleu o selo de Galicia Calidade, sumandose ás 102 empresas galegas que xa contan con esta distinción, é a cuarta empresa española do sector en facturación, cunha capacidade de produción anual de 50 millóns de tellas. A compañía dá emprego a 45 persoas, e exporta a 25 países de catro continentes, onde factura o 50% da súa produción. Unhas cifras que, tal e como salientou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logrou apostando pola innovación e pola mellora continua dos procesos de fabricación para poder ofrecer produtos diferenciados, da máxima calidade e competitivos no mercado internacional.

Redes sociais

Multimedia