María José Gómez define o sector do viño como un dos piares económicos do rural e “reflexo da Galicia Calidade”

A conselleira do Medio Rural participou en Ourense no peche da XIV gala dos premios da Denominación de Orixe Ribeiro

Evento
XIV edición da gala dos premios da Denominación de Orixe (DO) Ribeiro

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou que o sector do viño, cos seus 10.000 viticultores e 500 adegas, é un dos piares económicos do agro galego e constitúe un “perfecto reflexo desa Galicia Calidade pola que somos coñecidos no mundo enteiro”. Valorou ademais que este produto “conforma a identidade de Galicia” e que acada un recoñecemento “dentro e fóra das nosas fronteiras”.

Na súa intervención de peche na XIV edición da gala dos premios da Denominación de Orixe (DO) Ribeiro, a conselleira puxo en valor o “esforzo e bo facer” dos axentes deste eido produtivo, que -engadiu- ”son quen de elaborar un produto que pon de relevo a máxima que defendemos no Goberno autonómico: a calidade agroalimentaria”. Unha calidade que, reafirmou, “é sinónimo tamén de emprego” e lembrou, neste sentido, que o sector vitivinícola supón o 1,4% do PIB de Galicia e xera arredor de 16.000 empregos a tempo completo.

A conselleira, que estivo acompañada neste acto polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, subliñou a ampla tradición da DO Ribeiro, a máis antiga da nosa comunidade. Asemade, Gómez sinalou que Galicia pode presumir de ser un dos territorios de España con máis selos de calidade diferenciada, dos cales cinco son denominacións de orixe vitivinícolas, como é o caso do Ribeiro.

Compromiso da Xunta co sector

Para apoiar toda esta riqueza, a titular de Medio Rural incidiu no compromiso da Xunta con este sector. Así, lembrou que só neste ano o seu departamento destina máis de 10 millóns de euros en axudas á reestruturación e reconversión dos viñedos, a impulsar a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e á promoción do viño galego en mercados internacionais. A maiores, Gómez puxo en valor a Estratexia sectorial, elaborada polo Goberno galego da man do propio sector, para impulsar o inmenso potencial económico, cultural e turístico deste produto, remarcou.

Neste contexto, a conselleira comprometeuse a seguir traballando nesta mesma liña, en colaboración coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, na promoción, ampliación e diversificación de mercados, diante dun contexto internacional que -dixo- “invítanos, cada día máis, a afianzar esta vía”.

A conselleira rematou a súa intervención trasladando os seus parabéns a todos os galardoados nesta gala e agradecendo a súa aposta “polo rural para vivir, por coidar o rural a través do voso traballo e por elixir o rural para establecer e impulsar o voso negocio”. Valorou tamén a aportación do sector da hostalería á hora de ofrecer nos seus negocios produtos galegos e achegalos a toda a sociedade. Felicitou, así mesmo, ao Consello Regulador da DO Ribeiro por organizar unha gala “tan fermosa e necesaria coma esta, na que a calidade agroalimentaria é protagonista”.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, fixo entrega do premio ‘Muller e Viño’ a Maribé Revilla, recoñecida polo seu papel pioneiro na distribución e a súa aposta polos viños galegos. E cabe destacar que entre os premiados, atópase a “Colección 68, 2024” de Viña Costeira, recoñecido como mellor viño branco de adega. Un viño certificado co selo da marca de garantía da Xunta de Galicia.

instagram facebook twitter youtube