Galicia Calidade celebra en Jealsa o primeiro encontro da campaña #1DASNOSAS

Unha xornada de conexión, gastronomía e colaboración entre 21 empresas certificadas co selo de garantía 

Eventos
Galicia Calidade
Encontro da campaña #1DASNOSAS

Galicia Calidade puxo en marcha a súa nova campaña #1DASNOSAS cun encontro que tivo lugar nas instalacións de Jealsa-Rianxeira, en Boiro (A Coruña). A iniciativa, dirixida ás empresas que contan co selo de garantía, nace co obxectivo de fortalecer os lazos entre marcas galegas de distintos sectores, fomentar a colaboración e crear espazos de conexión real.

Nesta primeira xornada, que deu comezo cunha benvida institucional a cargo do director xeral de Jealsa e a directora de relacións institucionais, Margarita Hermo, participaron 21 empresas certificadas, que puideron coñecer de preto o modelo de negocio da empresa anfitrioa, Jealsa, e compartir experiencias arredor da calidade, a innovación e o futuro do sector. O encontro contou coa presenza destacada da xerente da marca de garantía da Xunta de Galicia, Ana Méndez, quen puxo en valor a importancia de xerar comunidade entre as empresas que representan a excelencia da produción galega.

A actividade central da mañá foi unha dinámica de networking gastronómico dirixida polos chefs Dani Guzmán e Julio Sotomayor, do Nova restaurante, recoñecido cunha estrela Michelin. As persoas asistentes, organizadas en dous equipos, elaboraron diferentes receitas con produtos do mar certificados, nun formato participativo que combinou creatividade, colaboración e identidade gastronómica.

A dirección de Jealsa valorou as elaboracións presentadas por cada grupo e escolleu un prato gañador, pechando así unha xornada que rematou cunha degustación conxunta e un espazo de conversa informal entre as empresas.

As empresas participantes nesta primeira edición foron: Queixería Barral, Paco & Lola, Mariscos Alumar, Campus Stellae, Ecocentro S.C., Celtic Estores, Conservas A Rosaleira, Granbazán, Bela Fisterra, Artesa Rías Baixas, Bodegas Ruchel, Bodegas Campante S.A., Orujos y Licores de Galicia, HGA Bodegas e Viñedos de Altura, Asvinor, Estelas da Terra Sociedade Cooperativa Galega, Conservera de Rianxo, Colterxy S.L., Nova Restaurante e Conservas Lago Paganini.

Galicia Calidade continuará promovendo esta liña de encontros ao longo do ano, cun calendario de visitas a outras empresas certificadas, consolidando así unha rede profesional conectada e comprometida coa excelencia galega. 

instagram facebook twitter youtube