Así o anunciou o director de Turismo en Sanxenxo no acto de adhesión do Gran Talaso Hotel Sanxenxo a Galicia Calidade
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, visitaron o Gran Talaso Hotel Sanxenxo, situado no paseo da Praia de Silgar, en Sanxenxo, para facer entrega do selo de marca de garantía da Xunta de Galicia. Alí, Xosé Merelles valorou os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatistica (INE) sobre a ocupación nos primeiros seis meses do ano que indican que 2.967.407 viaxeiros visitaron Galicia facendo un total de 4.961.113 noites nos establecementos galegos.
“Estas cifras son as máis elevadas dos últimos once anos e tradúcense nun incremento en viaxeiros do 4,5% e do 3,8% en volume de noites”, destacou ao tempo que subliñou que confirman a desestacionalización con crecementos en meses fóra de tempada.
O director de Turismo tamén apuntou o peso do mercado internacional que supón neste semestre o 39,6% dos viaxeiros que visitaron a comunidade, rexistrando un incremento do 5,5% con respecto ao mesmo período de 2024. “Este escenario avala a aposta de promoción do que estamos a facer desde o Goberno galego en distintos mercados estranxerios”, sinalou.
Xosé Merelles apuntou que concretamente, no mes de xuño, o incremento de viaxeiros foi do 6,7% acadando 814.138 visitantes e do 7% nas noites, superando o 1,4M. En canto a mercados de procedencia destes visitantes destaca o 57,6% do turismo nacional -interno e doutras Comunidades españolas- e o 42,4% do internacional.
Galicia, destino termal
O director de Turismo fixo entrega do distintivo Galicia Calidade ao Gran Talaso Hotel Sanxenxo que recoñece a calidade do establecemento nos seus servizos de hospedaxe e restauración e, a seu xuízo, “afianza a posición e o prestixio de Galicia como un dos principais destinos termais do conxunto de España”.
Xosé Merelles destacou a aposta do Gran Talaso por “un modelo turístico baseado na autenticidade, o confort e a identidade galega, así como o seu esforzo por ofrecer unha experiencia de aloxamento diferencial nun enclave privilexiado das Rías Baixas”.
O hotel, que conta cun amplo complexo con zona de spa, piscina e tratamentos de benestar, completa a súa oferta cunha proposta gastronómica baseada no produto galego de proximidade, que pode degustarse no seu restaurante con vistas á praia de Silgar. A combinación da excelente ubicación, atención ao cliente e coidado polo detalle converten este establecemento nun destino de referencia dentro do turismo de calidade en Galicia.
As instalacións lucirán desde hoxe o selo Galicia Calidade tanto nos seus materiais promocionais como na sinalización exterior das súas instalacións, reforzando así a súa imaxe de marca e o seu compromiso cun turismo de calidade e sostible vinculado ao territorio.
O Gran Talaso Hotel Sanxenxo é o único talaso que conta coa certificación Galicia Calidade e súmase aos balnearios de Caldaria que tamén teñen este distintivo situados en Arnoia, Lobios, Laias e Abadía. Na actualidade, a oferta termal da comunidade está composta por 20 balnearios e 4 talasos.