Os concertos do Xacobeo regresan á Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa cunha nova edición do Atlantic Fest

O director de Turismo de Galicia destacou a participación de Galicia Calidade na cita cun espazo específico no festival e diferentes actividades gastronómicas

Galicia Calidade
Atlantic Fest
zzzzz

Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia regresan esta fin de semana á Praia da Concha de Vilagarcía de Arousa dándolle cobertura a unha nova edición do Atlantic Fest. Turismo de Galicia apoia así, un ano máis, a celebración deste evento de referencia do verán musical no territorio galego, que alcanza a 12ª edición deste este venres, 18 de xullo, e ata o domingo 20 na vila pontevedresa.

Neste 2025, no cartel do Atlantic Fest danse cita, grandes figuras imprescindibles da escena indie-rock e o pop internacional, estatal e galega, como Primal Scream, The Jesus and Mary Chain, Slowdive, Zahara, Xoel López, Los Planetas e León Benavente, entre moitos outros, que actuarán no escenario principal do festival, bautizado como Galicia Calidade.

Á presentación acudiron Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade e Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, quen sinalou que “o Atlantic Fest é un dos eventos máis queridos polo público galego, que transcende diferentes xeracións, e supón un relevante motor turístico nunha contorna costeira privilexiada”.

Neste senso, salientou a satisfacción de “contribuír á celebración, un ano máis, desta proposta musical de referencia, que aposta pola calidade musical e ofrece ao público a oportunidade de gozar cos directos de bandas e artistas de culto internacionais que visitan Galicia da nosa man”. Finalmente, Merelles quixo destacar, tamén, “que eventos como o Atlantic Fest amosan a relevancia e a singularidade da oferta musical e cultural galega, como motor da economía, o turismo e o lecer sostible no noso territorio”.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén a participación de Galicia Calidade nesta cita a través dun espazo específico dentro do festival, onde a marca desenvolverá diferentes actividades gastronómicas nas que se “porá en valor a excelencia e variedade dos produtos galegos certificados”.

As actividades gastronómicas celebraranse durante o venres 18 e sábado 19 de xullo, con degustacións e showcookings dirixidos por profesionais recoñecidos. O venres, ás 19:30 horas, a experta Salomé Beiroa será a encargada dunha cata de queixos galegos, e a partir das 22:00 horas terá lugar un showcooking a cargo do chef Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña (Pontevedra). No menú empregarase unha ampla variedade de produtos certificados polo selo Galicia Calidade, que abranguen referencias do mar e da horta, produtos lácteos e elaboracións artesás.

O sábado, ás 19:30 horas, o público poderá asistir a unha exhibición de corte de xamón, con pezas procedentes de Jamones González e Torre de Núñez, e ás 22:00 horas terá lugar un segundo showcooking a cargo dos cociñeiros de Nova Ourense, que presentarán un menú creativo baseado en produtos de tempada e proximidade, cunha clara aposta pola innovación culinaria. Ao longo das dúas xornadas, empregaranse case unha trintena de produtos galegos certificados de diferentes empresas: Rosa de los Vientos, A Pementeira, Artesa Rías
Baixas, Legufrut, El Huevo de la Abuela, Feiraco, Leite Río, Quescrem, Daniberto, Santo André, Queixería Barral, Pazo de Anzuxao, Casleiras, Jealsa, Asoporcel, Coren, Campomayor, Pazo do Queixo, Puramel, Puerto de Celeiro, Jamones González, Torre de Núñez, Sacrapastas e Estrella Galicia.

Grandes nomes do indie-rock e pop
A música en directo, o ambiente familiar e os grandes nombres do indie-rock e pop internacional, estatal e galego de hoxe e de sempre son os grandes piares desta exitosa cita. Cun cartel que reúne figuras xa clásicas e outras emerxentes e de absoluta vixencia, o Atlantic Fest converterá un ano máis á localidade de Vilagarcía no epicentro da música durante tres completas xornadas.

O escenario principal que dará cabida aos grandes directos das grandes iconas musicais do programa está bautizado como Galicia Calidade. O Atlantic fest conta, tamén, cun espazo para dj’s, un segundo escenario na Praza do Castro e unha zona de camping e glamping. O recinto ten un zona infantil, un espazo con xogos, obradoiros, cine e baile, ademais de zonas gourmet, e programa actividades paralelas aos concertos para todos os públicos, como exposicións ou, incluso, presentacións de libros. A entrada ao festival para menores de 12 anos é gratuíta.

Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Na provincia de Pontevedra, Concertos do Xacobeo suma máis dunha trintena de eventos, como Portamérica, Atlantic Fest, Costa Feira, Orballo Cultural, o Atlantic Fest ou Revenidas.

Deste xeito, contribúese a fomentar na provincia de Pontevedra a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio; e, tamén, a posta en valor da paisaxe e a riqueza patrimonial e paisaxística local.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

instagram facebook twitter youtube