A conselleira do Medio Rural destacou o papel dos XI Premios Galicia Alimentación para “resaltar a importancia do sector alimentario galego e para poñer en valor a aportación que realiza a nivel económico e social”
As conselleiras do Medio Rural, María José Gómez, e do Mar, Marta Villaverde, participaron na clausura dos XI Premios Galicia Alimentación promovidos polo Clúster Alimentario de Galicia. Alí, María José Gómez destacou o papel destes premios para “resaltar a importancia do sector alimentario galego e para poñer en valor a aportación que realiza a nivel económico e social”.
A titular de Medio Rural entregou o galardón da categoría Proxección e Estratexia de Mercado á empresa Estrella Galicia, pola súa campaña Big Crafters. Incidiu en que estes foros son fundamentais para fomentar o diálogo e a colaboración entre os diferentes actores implicados, configurándose como unha plataforma na que poder analizar retos globais e debater sobre o futuro do sector. A súa vez, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou o Premio ao Produto Innovador a Vinagre DO Ribeiro.
No acto, celebrado no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, tamén asistiron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.
Seguindo esta liña, a titular de Medio Rural destacou que os produtos galegos son os “mellores embaixadores desta terra” e representan “á perfección” o paradigma Galicia Calidade. Salientou que a responsabilidade do Goberno autonómico é apoiar sector alimentario, como vén facendo nos últimos anos a través de liñas de achegas específicas e estratexias sectoriais para potenciar os seus principais eidos como o lácteo, o cárnico, o vitivinícola ou o hortícola, entre outros.
Así mesmo, asegurou que a industria agroalimentaria “é un importante xerador de emprego” que repercute de xeito directo a fixar poboación no medio rural, contribuíndo a acadar un rural vivo, sostible e rendible; o principal obxectivo desta Consellería.
Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que entregou a Nauterra o Premio Galicia Alimentación á iniciativa Sostible, pola súa estratexia corporativa de Residuo Cero en produción alimentaria, puxo en valor como a innovación unida á calidade e á tradición contribúen a ofrecer ao consumidor alimentos de calidade, que converten a Galicia na principal rexión pesqueira de Europa.
A responsable autonómica felicitou a Clusaga pola posta en marcha destes premios que son un recoñecemento, dixo, ao tecido empresarial agroalimentario e, por tanto, aos seus profesionais que teñen demostrado unha gran capacidade para adaptarse ás necesidades que marcan os mercados e tamén ás tendencias dos consumidores. A este respecto, expresou a vontade da Consellería que dirixe para seguir impulsando medidas que contribúan a promocionar e estimular a cadea alimentaria marítimo-pesqueira dende a produción e a transformación, ata a distribución, difusión e consumo.
Precisamente, con este obxectivo, lembrou que Mar e Clusaga renovaron en xaneiro o convenio para o desenvolvemento do Programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar (Competemar), a través do que se impulsa a internacionalización da cadea mar-industria como instrumento que permite optimizar a rendibilidade das empresas deste sector, en aras de aproveitar as oportunidades de crecente integración de mercados.