Turismo de Galicia promociona os produtos certificados Galicia Calidade dentro do Salón Gourmets de Madrid

Con máis de 800 produtos de máis de 170 empresas, o selo de garantía realizou un showcooking a cargo dos chefs do Restaurante Nova de Ourense

Evento
Galicia Calidade
Salón Gourmets

A directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiu hoxe dentro do Salón Gourmets de Madrid a un showcooking realizado polos chefs e propietarios do Restaurante Nova de Ourense. Durante o evento os asistentes puideron coñecer de primeira man os produtos certificados polo selo de garantía, as súas elaboracións e as súas características.

A marca de garantía conta con máis de 800 produtos e servizos de máis de 170 empresas certificadas dos sectores máis importantes da economía galega, entre eles o da alimentación. O Salón Gourmets tense convertido nun escaparate ideal para dar a coñecer os produtos galegos.

Os chefs do Restaurante Nova de Ourense, tamén certificado por Galicia Calidade e que conta ademais cunha Estrela Michelín, elaboraron un menú no que o protagonismo foi para os produtos amparados polo selo. Entre as empresas participantes hoxe na degustación destacan Cabreiroá, Merluza de Celeiro, Artesa Rías Baixas, Asoporcel, Torre de Núñez, Kiwi Atlántico, La Despensa de Lujo ou Rosa de los Vientos.

Unha marca recoñecida

Galicia Calidade, integrada en Turismo de Galicia e que cumpre neste 2026 trinta anos certificando os mellores produtos e servizos, conta na actualidade cunha representación de todos os sectores. Dende a alimentación, o turismo- representado por restaurantes, hoteis, casas rurais ou clubes náuticos, ata o sector industrial ou os viveiros. No ámbito turístico, na actualidade a marca de garantía conta cun total de 38 establecementos turísticos repartidos por toda a xeografía galega.

instagram facebook twitter youtube