.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou que a bandeira de Galicia Calidade xa ondea en 12 portos deportivos galegos, o que revalida o potencial da Comunidade como referente do turismo náutico en España, manifestou.
Lorenzana entregou este distintivo ao Club Náutico de Sada, con 347 puntos de amarre e escola de vela, como un recoñecemento ao seu emprazamento, equipamento e servizos ao longo dos seus 33 anos de historia. Segundo dixo, este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística sustentable e competitiva en Galicia.
Ademais do Club Náutico de Sada, contan co distintivo de calidade o Nauta Sanxenxo, o Monte Real Club de Yates de Baiona, o Club Náutico Ría de Ares, o Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Ribadeo, o Real Club Náutico de Vigo, o Real Club Náutico de Portosín, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico da Coruña, o Club Náutico Deportivo de Ribeira e o Club Náutico de Boiro. Neste sentido, tamén cómpre destacar que, se aos clubs náuticos galegos se suman hoteis, restaurantes e cámpings, son un total de 56 establecementos turísticos os amparados baixo o selo Galicia Calidade.