.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, reuniuse cos responsables de Bodegas Aguiuncho nas súas instalacións de Sanxenxo (Pontevedra), para facerlles entrega da certificación que acredita a posesión do selo de garantía de Galicia Calidade, outorgado por este organismo dependente de Turismo de Galicia, e que permitirá á empresa incluír a nova sinalización na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.
Na xuntanza, Ana Méndez destacou os esforzos de Bodegas Aguiuncho para combinar a innovación co mantemento da mellor tradición e cultura vitivinícola da comarca do Salnés. Con esta incorporación, Galicia Calidade suma xa 21 adegas que contan co distintivo, das 5 denominacións de orixe e co común denominador da calidade dos seus viños. Da D.O. Rías Baixas certifica os produtos das seguintes adegas: Adega dos Eidos, Valtea, Paco & Lola, Altos de Torona, Terra de Asorei, Adega Valdés, Señorío de Rubiós, Gran Bazán e a citada Bodegas Aguiuncho. No que respecta á D.O. Ribeira Sacra son 4 as adegas que conta co distintivo: Finca Millara, Vía Romana, Regina Viarum e Rectoral de Amandi. No Ribeiro son 2 adegas certificadas: Viña Costeira e Nairoa. Outras 2 adegas pertencen á D.O. Monterrei: Gargalo e Quinta do Buble. Para rematar, na D.O. Valdeorras contamos con 4 adegas certificadas: A Coroa, Ruchel, Viños do Barco e Terriña.
En total, Galicia Calidade- a marca de garantía da Xunta que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración na Comunidade galega, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción- ten adheridas na actualidade máis de 168 empresas, con máis de 850 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.
Proxecto familiar
Bodegas Aguiuncho pertence a Denominación de Orixe Rías Baixas, máis concretamente no Val do Salnés, a subzona con maior superficie de viñedo da D.O. A nova adega certificada por Galicia Calidade é un proxecto familiar de Manuel Troncoso Poceiro e Manuel Troncoso Prieto, pai e fillo, que naceu no ano 1999, cando decidiron elaborar e comercializar viños de calidade, cunha aposta pola tecnoloxía e a innovación, pero sen perder a perspectiva dunha adega tradicional que herdaron da familia.