A Xunta reivindica a cociña galega como un motor económico e de emprego na apertura do X Galicia Fórum Gastronómico

O evento contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que visitou varios dos espazos culinarios participantes nesta nova edición da cita gastronómica

Galicia Calidade
Galicia Fórum Gastronómico

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou hoxe na cerimonia de apertura do X Galicia Fórum Gastronómico, o maior encontro do sector culinario do norte de España, que se celebra por cuarto ano consecutivo na Coruña. Unha cita na que prevese que supere a barreira dos 20.000 asistentes da entrega anterior, e que conta coa participación de 30 gañadores de estrelas Michelin. O evento tamén contou coa posterior presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que fixo un percorrido por varios espazos culinarios participantes nesta nova edición da cita gastronómica.

Alfonso Villares puxo en valor a cociña galega, á que describiu como “unha das nosas maiores fortalezas, un signo de identidade e un dos emblemas que nos define”. “A nosa gastronomía non é só un valor cultural de primeira orde, senón tamén un piar da nosa economía”, salientou, no que os produtos do mar de Galicia son un buque insignia.

Neste senso, o conselleiro do Mar destacou o papel do sector para o desenvolvemento territorial, incluíndo a ampla cadea de valor que abrangue a distribución, a produción, a pesca e mesmo a formación. No caso dos produtos mariños, o responsable autonómico destacou o “valor patrimonial” do peixe e o marisco, e apelou a “garantir a sustentabilidade do medio para salvagardar a súa calidade e a súa continuidade”.

“Os nosos produtos atesouran unha calidade reflexo do traballo comprometido”, apuntou o titular de Mar, que reivindicou a necesidade dunha cociña “respectuosa cos recursos naturais”. Do mesmo xeito, amosou o seu apoio á economía social como garantía de impulso ao rural, á creación de emprego e riqueza e a concatenación de calidade e sustentabilidade. Así, animou aos profesionais a exercer como embaixadores de excepción dos produtos galegos máis aló das nosas fronteiras.

Galicia, gastronomía de éxito

Galicia conta cunha das gastronomías nacionais que máis recoñecementos reciben a nivel global. O noso territorio exhibe 17 estrelas Michelin (tres deles con dúas estrelas) e 36 selos de calidade diferenciadas, sendo a 3ª Comunidade que máis ostenta. Ademais, tamén conta con 43 Soles Repsol e 20 Bib Gourmand, entre outras distincións.

instagram facebook twitter youtube