A xerente da marca de garantía da Xunta de Galicia asistirá ao festival para poñer en valor o compromiso de Galicia Calidade coa cultura, o talento e a gastronomía galega

Galicia Calidade estará presente no Festival PortAmérica, que se celebra na Azucreira de Portas (Pontevedra) os días 3, 4 e 5 de xullo, cunha proposta que une música, gastronomía e identidade galega. Galicia Calidade súmase a esta cita estratéxica dos Concertos do Xacobeo, dentro dun evento que reúne a máis de 30 chefs de prestixio internacional e algúns dos principais artistas do panorama musical.
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistirá ao festival para representar a marca e poñer en valor o compromiso coa calidade, a orixe e a tradición galega. Durante os tres días do evento, Galicia Calidade contará cun espazo propio onde ofrecerá diferentes actividades. De 19:30 a 20:30 horas, celebrarase unha sesión diaria de corte de xamón en directo: o xoves con produto da marca Coren, o venres de Torre de Núñez e o sábado de Jamones González.
A partir das 20:30 horas, o chef André Arzúa será o encargado de realizar degustacións en directo con elaboracións en frío, nas que empregará produtos das empresas certificadas como Conservas Cortizo, Avigal, La Despensa D’lujo, Quescrem, Pazo de Anzuxao, Pazo do Queixo, Queixería Barral, Casleiras, Daniberto, Santo André e Quesos Feijoo. Os doces tamén estarán presentes da man de Tahona de Melide e Sacrapastas. Todo isto acompañado dun corner de viños, o xoves serviranse referencias da adega Paco & Lola, mentres que o venres e sábado estarán presentes os viños de Terriña e Vía Romana.
O festival tamén conta co espazo “ShowRocking”, onde distintos chefs de renome internacional, liderados por Pepe Solla, ofrecerán unha experiencia única con tapas gourmet para o público con produtos de empresas certificadas como: Merluza de Celeiro, Artesa Rías Baixas e Estrella Galicia.