A Bodega Granbazán celebra o seu 45º aniversario

Granbazán representa a calidade dos viñedos galegos dentro e fóra das nosas fronteiras e foi unha das premiadas no International Wine Challenge de Londres

Galicia Calidade
Adega GranBazán

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e pola directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou hoxe no acto polo 45º aniversario de Bodegas Granbazán, que se celebrou nas súas instalacións en Vilanova de Arousa. Nel, enxalzou o papel referente desta adega dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Neste sentido, puxo en valor aos fundadores de Bodegas Granbazán, que apostaron pola modernización do cultivo de albariño. Ao mesmo tempo, tamén destacou o labor que está levando a cabo Pedro Martínez, propietario desta adega, por manter vivo ese legado ao mesmo tempo que reforzou o proxecto, impulsou novos investimentos, consolidou o enoturismo e ampliou a superficie de viñedo.

A conselleira salientou que Granbazán representa a calidade dos viñedos galegos dentro e fóra das nosas fronteiras. Nesta liña, fixo referencia ao recente certame do International Wine Challenge de Londres, onde Galicia recibiu numerosos premios, un deles para esta adega de Vilanova de Arousa.

Importancia do sector vitivinícola
Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural destacou a importancia estratéxica do sector vitivinícola para a economía galega. En concreto, puxo o exemplo da DO Rías Baixas, que concentra unha boa parte das exportacións de Galicia, pola súa ampla presenza nos diferentes mercados. O pasado ano, esta DO acadou un valor estimado de preto de 259 millóns de euros, sendo a que máis aporta de todas as indicacións que amparan as producións de calidade diferenciada de Galicia.

A maiores, reafirmou o apoio do Goberno galego á internacionalización, promoción, innovación e a competitividade das adegas, que xeran emprego, actividade económica e contribúen á fixación de poboación. Neste senso, a Consellería do Medio Rural conta con varias liñas de axuda para este eido produtivo, que supoñen un investimento anual duns 12 millóns de euros e inclúen achegas para reestruturación e reconversión de viñedo; para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países; ou para investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

instagram facebook twitter youtube