A xornada permitiu coñecer de preto o modelo de negocio da compañía e compartir experiencias entre empresas certificadas
Galicia Calidade reuniu este venres a case unha vintena de empresas galegas nas instalacións de Tejas Verea, compañía de referencia no sector das tellas cerámicas e solucións integrais para tellados sostibles.
Un total de 17 empresas certificadas participaron nesta xornada enmarcada no ciclo #1DasNosas, unha iniciativa impulsada por Galicia Calidade para dar visibilidade ás empresas co selo de garantía, poñer en valor o seu traballo e favorecer espazos de conexión e colaboración.
Durante a visita, os responsables de Tejas Verea presentaron o seu modelo de negocio e guiaron ás persoas participantes polas súas instalacións, amosando o moderno proceso produtivo dunha empresa familiar que, tras máis de medio século de historia, é unha das empresas de referencia na fabricación de tellas cerámicas en España e conta cunha destacada presenza en mercados internacionais.
A actividade central da mañá consistiu nun obradoiro de olería dirixido por dous artesáns da Olería Aparicio (Buño). As persoas asistentes, organizadas en equipos, elaboraron un prato de arxila ao que lle aplicaron o selo de Galicia Calidade, nunha dinámica participativa vinculada á tradición cerámica galega.
A sesión contou tamén coa presenza de Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade, quen salientou a importancia de encontros como este para “impulsar a colaboración entre empresas certificadas, fortalecer o noso tecido empresarial e consolidar o prestixio das marcas galegas nos mercados exteriores”.
A xornada completouse cun espazo de networking e un petisco con produtos de empresas certificadas co selo de garantía da man de La Bodeguilla de Santa Marta, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de novas oportunidades de colaboración.
As empresas participantes nesta segunda edición foron: Suassens Carat (Isabel Suárez Joyería), Restaurante el Refugio, Asoporcel, Bandalux, Conservas A Rosaleira, Terxy, Vía Romana (Méndez-Rojo), Artesa Rías Baixas, Jealsa, Asesoría Energética Enertra, Lácteos Ferrado Verde, Viveiros Compostela, Augavella, Ncc Galicia, Asvinor, Estelas da Terra e Bodegas Aguiuncho.