.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron na inauguración da nova planta de ovoelaborado de Granxa Campomayor, situada no polígono lucense das Gándaras, onde puxeron en valor o traballo desta empresa familiar a prol da potenciación do sector avícola galego a través da innovación e a calidade.
A inauguración, que contou cunha visita polas instalacións, serviu para coñecer como se traballará nela para elaborar o produto con ovo a baixa temperatura, conseguindo cociñalo dentro da súa propia casca e deixándoo listo para consumir. A conselleira quixo resaltar esta actividade e a contribución desta empresa para que o sector medre e se consolide como unha potencia innovadora, ofrecendo valor engadido a un produto básico da alimentación como é o ovo.
Ademais, María José Gómez salientou que Campomayor é un exemplo da remuda xeracional pola que se está a traballar no Goberno galego dentro do sector primario, xa que é unha granxa familiar que xa vai pola terceira xeración. Nesta liña, engadiu que acadar esa remuda e favorecer a incorporación de mozos ao agro é unha das apostas da Xunta para os vindeiros anos.
Campomayor
A Granxa Campomayor, empresa que iniciou a súa actividade en 1995, aínda que a súa historia comeza en 1942, é o principal produtor de ovos de galiña en gaiola de Galicia con preto de 480.000 prazas de poñedoras, o que supón máis do 46% do total das prazas coas que se dispón na nosa comunidade. Esta planta únese ás instalacións coas que xa conta por varios puntos da xeografía galega: Ximonde e Campomayor, no concello de Palas de Rei, Boimorto (A Coruña) e Vilalba (Lugo).