NGP Good Petfood, primeiro fabricante galego de alimentación para mascotas en obter o selo Galicia Calidade

A xerente do organismo visitou as instalacións da empresa e destacou a súa aposta pola excelencia e internacionalización

Galicia Calidade
nugape

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou ao director de NGP Good Petfood, Carlos Pérez, o certificado que autoriza o uso da marca de garantía da Xunta de Galicia, nun acto celebrado nas instalacións da empresa, situadas no Polígono de Tremoedo de Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Durante a visita, Ana Méndez destacou a traxectoria da empresa, único fabricante galego de comida para mascotas (petfood), e a súa proxección internacional pola que acaban de recibir o selo Ardán, xa que están presentes en máis de 40 países.

NGP Good Petfood conta cunha plantilla formada por traballadores e traballadoras principalmente locais e cunha forte presenza feminina, contribuíndo ao desenvolvemento da comarca do Salnés. En 2024, a empresa pechou cun incremento da facturación do 43% e atópase nun proceso de crecemento continuo. Recentemente lanzou a marca Cebican Cosmo, con envases de produción mais sostible e ilustracións en acuarela que evocan retratos familiares.

A compañía está en proceso de ampliación das súa instalacións. Neste contexto de crecemento, está a ultimar a apertura dunha nova liña de negocio de alimentación húmida para cans e gatos, reforzando o seu esforzo na mellora constante dos seus produtos para as mascotas e os seus coidadores. Ademais, a empresa conta co certificado IFS Food, unha marca de certificación de calidade que garante que a compañía traballa cuns protocolos de calidade e de seguridade tan esixentes como os que se lles aplican aos produtos para consumo humano.

A obtención do selo de garantía certifica a calidade dos seus produtos de petfood, que poderán levar o distintivo Galicia Calidade nas súas etiquetas, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial. A empresa ten previsto participar en eventos clave do sector, como Iberzoo-Propet (Madrid) e Zoomark (Italia), onde representará a Galicia co selo de calidade.

Nas vindeiras semanas dende Galicia Calidade, en colaboración con NGP Good Petfood, levarase a cabo unha iniciativa de doazón de alimentos a distintos refuxios de animais de xestión pública de Galicia.

NGP Good Petfood é una continuación de Nugape Pet Food, empresa con mais de 20 anos de traxectoria no mercado da alimentación para mascotas. 

instagram facebook twitter youtube