.
Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, entregoulle hoxe o certificado que acredita o dereito de uso do selo de garantía Galicia Calidade ao hotel temático do Banco Azul, situado en Fisterra (A Coruña). Este certificado permitirá ao establecemento incluír a nova sinalización na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.
No acto de entrega, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, destacou a “privilexiada localización” deste hotel, situado no corazón da Costa da Morte, xunto ao mar, entre o porto pesqueiro e a praia de Ribeira e fronte ao Castelo de San Carlos.
A Casa do Banco Azul foi sempre referente para a poboación de Fisterra, e o banco que a rodea era lugar de reunión, debate e espera dos barcos. O seu nome vén dado pola cor azul dos bancos do Congreso. Na actualidade, o hotel conta cun total de sete habitacións, sendo algunhas delas dúplex con capacidade para catro persoas, algo que o fai único en oferta hostaleira da zona, que comparte, entre outros, co Hotel Faro Lariño e co Semáforo de Fisterra, ambos establecementos certificados tamén co selo de garantía.