.
Despois de tres intensos días de actividade arredor das excelencias culinarias e das últimas tendencias en materia de cociña, hostalería e produción alimentaria, a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, estivo presente na cerimonia dos premios Picadillo 2024 sendo esta o broche de ouro do Galicia Fórum Gastronómico.
Cos premios Picadillo o Galicia Fórum Gastronómico ten coma obxectivo recoñecer o traballo que viñeron realizando profesionais de diversas disciplinas e oficios en favor da gastronomía galega.
O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, foi o encargado da entrega na categoría de Mar, e esta recaeu na OPP-77 Puerto de Celeiro, da que destacou que é un exemplo de boas prácticas para poñer en valor a actividade da frota pesqueira antes de depositar o galardón nas mans de Eduardo Míguez. E o premio na categoría rural foi para Amas da Terra, rede de mulleres produtoras, artesás, mariscadoras, agricultoras e cociñeiras como Lucía Freitas.
Tamén por parte da Xunta José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural entregou á adega Quinta da Muradella de Monterrei (Ourense), a distinción na categoría vinícola. Vinculado a Turismo de Galicia José Paz Gestoso, director do Centro Superior de Hostelería de Galicia, fixo o propio en materia de formación co premio para o CIFP Carlos Oroza, de Pontevedra.
Houbo tamén recoñecementos para a mellor cociña para Ana Gago, da coruñesa Casa Pardo, na categoría de Sala a Clara Luís Domínguez, Clarita, do hostal La Viuda de Pobra de Trives ou para a Artesanía Alimentaria para Airas Moniz de Chantada (Lugo), así como tamén para a divulgación, que recaeu no pescador Rogelio Santos.