Rueda anuncia que a Xunta porá en marcha un plan específico en 2025 para potenciar a imaxe de Galicia como destino termal

Galicia é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais e conta con máis de 20 balnearios, o 20% de toda a oferta estatal 

Galicia Calidade
institucional
Caldaria certificación

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego porá en marcha o próximo ano un novo Plan Termal co obxectivo de impulsar de forma definitiva este sector, e de potenciar a imaxe de Galicia como destino termal. “Serán 8 millóns de euros para reforzar este tesouro natural, as fontes termais, que ten a comunidade”, indicou.

Así o salientou hoxe durante o acto de entrega do selo Galicia Calidade ao grupo Caldaria, na que supón a primeira incorporación do sector termal a esta marca. Con este distintivo, recoñécese a profesionalidade do grupo e o potencial do termalismo en Galicia, e nomeadamente en Ourense. “Galicia Calidade é unha marca potentísima, a máis recoñecida fóra das nosas fronteiras”, resaltou o presidente.

Galicia é o segundo lugar de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais, e conta con máis de 20 balnearios, o que representa o 20% da oferta termal de toda España. A comunidade autónoma dispón, ademais, de 7 dos 8 tipos de augas mineromedicinais que existen. Isto convirte a Galicia na primeira potencia termal de España e na segunda de Europa.

Co obxectivo de preservar e potenciar esta riqueza, o Goberno galego veu poñendo en marcha nos últimos anos varias iniciativas como o anterior Plan Termal, a creación dunha área específica destinada ao sector dentro de Turismo de Galicia, ou o terceiro Plan territorial de sostibilidade turística financiado con fondos Next Generation e orientado ao termalismo.

Agora, co novo Plan que se impulsará no 2025 preténdese afondar na consolidación do sector en Galicia.  Entre outras medidas, esta folla de ruta incluirá unha liña de axudas de 8 millóns de euros para, segundo explicou Rueda, “crear novos establecementos ou para mellorar os actuais”; “un manual de boas prácticas” para establecer estándares de calidade claros; un observatorio que exercerá de ferramenta de investigación turística; unha aposta pola formación continua especializada; e, ademais, novos produtos turísticos e distintas accións de marketing.

Un Plan que, segundo o presidente, se enmarca no aposta da Xunta por un sector con moito potencial e gran “capacidade para seguir medrando”.

instagram facebook twitter youtube