Asegura que é unha marca consolidada, sinónimo de excelencia, seguridade e confianza entre os clientes
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o selo Galicia Calidade, ao que están adheridas 174 empresas, é unha marca clave na proxección da imaxe internacional da comunidade e que contribúe a dinamizar a economía galega e a xerar emprego.
Durante a presentación do Informe económico de Galicia Calidade 2024, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, Rueda salientou que esta acreditación é un dos mellores embaixadores de Galicia no mundo e simboliza a excelencia coa que se traballa nesta terra. Ademais resaltou que non deixa de medrar o número de produtos con este certificado.
O presidente galego destacou que o distintivo representa a esencia do que é Galicia, apostando pola innovación pero sen esquecer as raíces, e constituíndose como un motor para a nosa economía, xa que contribúe a xerar riqueza, emprego de calidade e novas oportunidades.
O informe anual revela que na actualidade hai 880 artigos e servizos que usan a marca Galicia Calidade, o que supón seis veces máis que no 2010, cando eran 123 os produtos autorizados con este selo. No caso das empresas, o 24,6 % das firmas certificadas pertencen ao sector da hostalería; outro 23,4 % ao da alimentación; o 14,4 % son empresas vencelladas ao mundo do viño; o 7,8 % ao de xestión de actividade náuticas e outro tanto ao do eido industrial e un 7,2 % ao sector lácteo.
Os datos indican que o conxunto de entidades certificadas por Galicia Calidade acadaron unha facturación de 6.448 millóns de euros no 2023, o que representa o 9,1 % do PIB, e xeraron máis de 13.000 postos de traballo na comunidade.
O 93 % das empresas que forman parte deste certificado asegura que está ‘bastante’ ou ‘moi satisfeita’ co labor que organiza este organismo e preto do 98 % di que o selo axúdalles ‘moito’ ou ‘bastante’ na comercialización dos seus produtos.
Ademais, o 95 % das empresas apoia a decisión de situar o organismo público Galicia Calidade baixo a tutela da Axencia Turismo de Galicia. Nesta liña, o presidente salientou a gran oportunidade que ten de seguir medrando a certificación da man do sector turístico, e indicou que asociar o noso destino a unha marca do prestixio de Galicia Calidade vai permitir abrir novos mercados.
Recoñecemento a empresas que levan 25 anos
A gala de presentación do informe anual serviu tamén para recoñecer a tres empresas que cumpriron 25 anos adheridas a Galicia Calidade neste 2024: Cabreiroá, Mondariz e Feiraco. O presidente agradeceu o traballo realizado por estas compañías durante as últimas décadas e o feito de ser un símbolo da seguridade, confianza e excelencia que trasladan os produtos e servizos con esta acreditación.