.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, puxo en valor o traballo do sector en favor da calidade e excelencia coa que é recoñecido o mexillón galego nos mercados internacionais. Así o manifestou no acto de inauguración das novas instalacións da empresa Mariscos Alumar no polígono Industrial Outeda-Curro, no concello pontevedrés de Barro onde resaltou que este bivalvo é por motivos propios un dos produtos do mar galegos máis recoñecidos, tanto dentro como fóra da comunidade.
O responsable autonómico, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, situou a esta empresa como exemplo do esforzo que realiza o sector por levar o mellor produto aos mercados nacionais e internacionais. Nesta liña, valorou moi positivamente a aposta desta compañía por certificar os seus elaborados de mexillón con selos de prestixio como Galicia Calidade, a Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia e a de o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que avalan ese bo facer e supoñen unha garantía para o consumidor final.
O conselleiro do Mar louvou o esforzo da empresa pontevedresa por contar cunhas instalacións á vangarda, equipadas coas últimas tecnoloxías e que contan con dúas plantas de frío e conxelado, caldeira de vapor así como maquinaria para a transformación e distribución de produtos do mar. Deste xeito, Mariscos Alumar custodia cada parte do proceso, desde a colleita da semente ata o traslado á planta produtiva, sempre respectando os maiores estándares de calidade.
Segundo explicaron responsables da empresa, nos momentos de maior carga de traballo chegan a empregar ao redor de 50 persoas e alcanzan unha produción diaria de entre 12 e 15 toneladas diarias de mexillón. Cifras que para Alfonso Villares simbolizan o impacto socio económico desta actividade na economía galega á vez que reiterou o compromiso do Goberno galego de apoiar á cadea mar-industria galega na súa transformación e modernización ademais de reforzar a promoción dos produtos do mar galegos nos mercados internacionais.
Traxectoria de éxito
A empresa Mariscos Alumar comezou a súa andaina no 2019 como resultado da unión dun grupo de bateeiros de Sanxenxo, Poio e Vigo que decidiron emprender e introducirse no sector da transformación co obxectivo de darlles maior valor engadido ao produto das súas bateas. Nos inicios dedicáronse a produción de mexillón presentado en media cuncha en salmoira. Nun intento de ampliar a súa gama de produtos comezaron a elaborar bolsas de mexillón pasteurizado. Na actualidade están realizando incursións en mercados europeos como o alemán, o italiano e o portugués.