O director de Turismo de Galicia e a directora xerente de Galicia Calidade mantiveron un encontro cos responsables e fixéronlles chegar a súa certificación
O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, mantiveron un encontro cos responsables do restaurante NOVA nas súas instalacións de Ourense para facerlles entrega da certificación que acredita a posesión do selo de garantía de Galicia Calidade, outorgado por este organismo dependente de Turismo de Galicia. O selo permitirá á empresa incluír a nova sinalización na súa fachada, así como engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial.
Durante o encontro, Xosé Manuel Merelles destacou a aposta pola cociña de proximidade de NOVA Restaurante, un espazo que xurdiu para gozar dun protagonista único: o produto de tempada e de proximidade do campo e costa galega. Tamén se referiu ao carácter estratéxico da integración da marca Galicia Calidade en Turismo de Galicia para reforzar a promoción do selo ao tempo que se fortalece a imaxe do destino. “Pretendemos deste xeito darlle un novo pulo á marca e aproveitar a súa dilatada traxectoria para seguir afondando nun modelo de turismo de calidade coñecido nacional e internacionalmente”, indicou.
Recordou, ademais, a importancia que este tipo de oferta está a ter para impulsar o turismo da provincia e da cidade. Neste sentido, fixo mención á aposta de Turismo de Galicia por modernizar o sector turístico, cun investimento de máis de 3,5M€ que está a permitir mellorar as instalacións de preto de 150 negocios en toda Galicia, dos que 46 son restaurantes. Tamén se referiu ao comportamento turístico da provincia de Ourense, que no primeiro semestre rexistrou 157.562 viaxeiros aloxados (+1,2%), que fixeton 296.035 noites, dos que 65.267 viaxeiros se aloxaron na cidade de Ourense (+4%).
Pola súa banda, Ana Méndez agradeceu aos responsables do restaurante, os cociñeiros Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, o seu compromiso con Galicia Calidade e pola calidade dos produtos agroalimentarios galegos. NOVA aposta por unha cociña de raíces herdada de xeracións anteriores, onde o respeto polos ingredientes e a súa calidade e frescura eran a base das propostas gastronómicas. O restaurante de Ourense, que conta cunha Estrella Michelín e un Sol da Guía Repsol, súmase aos establecementos de hostalería que contan con este certificado de garantía.