A Xunta promocionará baixo a marca Galicia Calidade a excelencia dos produtos galegos no Gastronomic Forum Barcelona 2023

Esta feira é de relevancia internacional e terá lugar do 6 ao 8 de novembro, e
configura un escaparate ideal para dar a coñecer o labor e o bo facer dos nosos
produtores

Galicia Calidade
Institucional
Stand Gastronomic Forum Barcelona 2023

Galicia terá presenza no Gastronomic Forum Barcelona 2023 co obxectivo de promocionar baixo a marca Galicia Calidade a excelencia dos produtos galegos. Esta feira, de relevancia internacional, terá lugar na capital catalá do 6 ao 8 de novembro, e configura un escaparate ideal -conformado por máis de 350 expositores- para dar a coñecer a gastronomía galega e poñer en valor o labor e o bo facer dos nosos produtores.
 

A Xunta participará neste evento grazas á colaboración da Consellería do Medio Rural -a través da Axencia da Calidade Alimentaria-, a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Industria e Innovación, que traballarán en conxunto para xestionar unha actuación coordinada que abranguerá un posto con 25 expositores e 26 empresas e produtores confirmados.
 

Ademais, organizaranse programas gastronómicos e degustacións co obxectivo de promocionar a nosa gastronomía baseada en produtos galegos. Para reforzar aínda máis a acción, haberá dous showcooking, o que reforzará a promoción e a oportunidade que presentan os alimentos galegos para unha gastronomía de calidade.
 

Escaparates de tanta relevancia coma este conforman plataformas ideais para que os produtores galegos poidan ter acceso a novos mercados, de xeito que poidan chegar a un público global e establecer contactos con potenciais clientes e socios comerciais de diferentes partes do mundo. A presenza na feira permítelles amosar os seus produtos, realizar demostracións en vivo, entregar mostras e material promocional e xerar interacción directa cos visitantes.
 

Con todo, unha feira destas características é tamén un espazo perfecto para coñecer outras empresas, expertos, profesionais e líderes da industria de diversas partes do mundo, o que facilita a creación de redes de contacto valiosas, onde se poden establecer relacións comerciais, colaboracións estratéxicas para o crecemento e desenvolvemento da empresa.

instagram facebook twitter youtube