.
A directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participou na inauguración da primeira edición de Creafogar, xunto a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Un evento efémero de interiorismo que se celebra en Santiago de Compostela –nun inmoble da Rúa Nova, 24- ata o 9 de outubro e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.
Alí a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego definiu esta iniciativa como novidosa no ámbito do interiorismo e da rehabilitación e salientou que promove a suma de sinerxías entre as empresas galegas participantes e que están vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción. Ademais, Zeltia Lado subliñou que
Creafogar tamén é unha oportunidade para poñer en contacto ás empresas e aos profesionais do interiorismo cos centros de formación profesional, co fin de coñecer as demandas no mercado laboral deste sector.
De feito, este evento inclúe tres coloquios relacionados co eido laboral e que serán impartidos por técnicos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Un deles é mañá, 20 de setembro, sobre o servizo público de emprego de Galicia; outra charla é o 27 de setembro e nela abordaranse as liñas de acción dirixidas a persoas traballadoras e desempregadas e o terceiro coloquio será o 4 de outubro e será sobre os servizos de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.
Artesanía
Nesta primeira edición de Creafogar participan un total de 55 profesionais inscritos en Artesanía de Galicia e especializados en oficios como a cestería, a cerámica, tornería de madeira, estampaxe, manipulado de papel, olería, tecido, xoguetes, tapicería, coiro, arranxos florais, xoiería, ebanistería, forxa, escultura, sombreirería, complementos de moda, decoración de teas, iluminación, restauración, e no escaparatismo.
Neste sentido, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia destacou na inauguración deste evento o papel da artesanía na personalización de ambientes e na creación de espazos singulares e exclusivos, a través de pezas tanto tradicionais como de deseño contemporáneo. Elena Fabeiro tamén fixo fincapé na riqueza e heteroxeneidade do sector artesán galego, que pode ofrecer propostas para calquera tipo de público.
A maiores, entre as accións de Creafogar realizaranse actividades a cargo de catro profesionais de Artesanía de Galicia. O 21 de setembro, Estelle Bisson impartirá un obradoiro de iniciación ao tapizado de mobles e o 24 de setembro, está prevista unha presentación de Edita Rodríguez Oca, de Jatafarta, que falará sobre artesanía, deseño e investigación a partir do seu oficio de traballo co coiro. O 3 de outubro Idoia Cuesta - Premio Artesanía de Galicia 2021 - ofrecerá unha charla sobre a natureza no fogar e o 5 de outubro, Susana Anta, encargarase de achegar o público ao oficio da cerámica.
O evento
Creafogar terá lugar durante 20 días nunha vivenda do casco histórico compostelán que permanecerá aberta para amosar mobiliario e pezas de decoración, a maior parte artesanais, dentro dun proxecto de interiorismo no que se somete a vivenda a unha renovación de imaxe, á vez que se presenta por primeira vez, unha vivenda cun interiorismo puramente galego. O evento permanecerá aberto ó público tanto profesional como xeral e inclúe a celebración de mesas redondas, talleres e presentacións de sectores vinculados ao fogar.
Os obradoiros de Artesanía de Galicia que amosan as súas pezas en Creafogar son os obradoiros composteláns Copia Cerámica, D’Rositas, Degerónimo, Fui yo Roni Atelier, Jatafarta, María Feijoo, Mauro Trastoy, Mundaya, Sandra Vilas Boina Galega, Sonia Arnaiz e Denadinteriores; os de Vigo, A Casa Rodante, Antonio Suárez e Misoco; os talleres da Coruña, Atelier Estelle B, Cristina Velasco Mora, Mioco Diseños, Risco Estudio, Susana Anta e Víctor Ares.
Tamén estarán en Creafogar os obradoiros de Lugo, Inpe CB e Le COOP; e os de Teo, Ferraxe de Prata, TresOficios, Xiralúa e Spacio B; A Mariñeta e Inés RIR & CO Diseño Artesano, procedentes de Allariz; Alfarería Lista e Obradoiro Gorín, de Buño (Malpica de Bergantiños); Armaior e Enxógate, de Quiroga; Lenda Nejra e Pal.lium, de Cangas; Gaia Cerámica e Las flores de Greta, de Gondomar; Enmalle Studio e Mocao, de Oleiros.
Outros que forman parte desta iniciativa son Aitor Martínez (Tomiño), Amoroteu (Ames), Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén), Artesanía Silvent (Caldas de Reis), Belategui Regueiro (Cambre), Dona Formiguinha (A Estrada), Floradeira (Paderne), Frouma (Ribeira), Idoia Cuesta (Outeiro de Rei), Julia Vilariño (Pontedeume), La Parabólica (O Porriño), Liño de Galicia (Zas), Marica da Berza (Abegondo), Néboa na Ría (Sada), O Carabel ecocestos (Ferrol), O Covil de Chus (Ourense), e Teté Mareque (Narón).