O selo Galicia Calidade naceu para distinguir aqueles produtos e servizos que pola súa elaboración en Galicia, a súa materia prima ou o seu deseño galego sexan merecentes desta distinción, despois de contrastada a súa calidade mediante as auditorías de control.
Como marca de calidade certificada, é un compromiso cos clientes e/ou usuarios que garante que estes produtos e servizos contan cos requisitos prometidos e poden ser consumidos con total confianza.
Galicia Calidade tamén representa a aposta da Administración galega pola innovación, a sustentabilidade e a competitividade nos mercados internacionais máis esixentes, xa que contribúe a xerar valores intanxibles para as empresas e os produtos certificados con este selo.
Como sociedade pública, Galicia Calidade, S.A.U. esíxelles ás empresas que apliquen os máis estritos controis de calidade homologados para garantir a calidade dos seus produtos e servizos e certifica o seu cumprimento con auditorías propias periódicas.
PRINCIPIOS
A xestión do selo de calidade realízase segundo os seguintes principios:
- Facilitar o acceso dos produtos galegos á marca de garantía, pero sen menoscabo das máis estritas normas de control e seguimento, para garantir o cumprimento dos requisitos internos.
- Potenciar o labor de promoción dos produtos, contribuíndo así á procura da excelencia e á mellora continua que garanta a vantaxe competitiva fronte a terceiros.
MISIÓN
Galicia Calidade tamén está comprometida coa misión de promover os produtos distinguidos con este selo, tanto pola súa calidade diferenciada como pola súa orixe, para dar a coñecer os seus valores nos mercados interiores e exteriores.
VALORES
Entre os valores que defende a sociedade pública figuran:
- Vocación de servizo público de calidade á sociedade galega.
- Responsabilidade, transparencia e obxectividade na xestión do selo de garantía.
- Aposta pola innovación, a competitividade e a sustentabilidade que contribúan á internacionalización das empresas galegas.
ESTRATEXIA 2022- 2025
O Consello da Xunta aprobou o plan Galicia Calidade Estratexia 2022-2025 para converter a este selo de garantía na imaxe global da economía galega, para incrementar o impacto das empresas e os produtos galegos nos mercados exteriores.
Deste xeito, o plan recolle unha serie de medidas para:
- Impulsar a competitividade do tecido empresarial.
- Apostar pola innovación para crear valor cos produtos e servizos das empresas galegas.
- Potenciar a proxección empresarial no exterior a través da calidade dos produtos e servizos elaborados en Galicia.