Máis de 10 adegas certificadas co selo de garantía Galicia Calidade participan na “Primavera de portas abertas” nas rutas dos viños

.

Galicia Calidade
Viños
Primavera de portas abertas

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, presentou a nova edición da Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños, unha proposta que está consolidándose na oferta turística do primeiro semestre do ano. Este ano participarán máis de 100 establecementos: 69 adegas, 13 restaurantes e 21 aloxamentos e celebraranse máis de 60 actividades diferentes en maio e xuño.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, estivo presente neste acto de inauguración, onde destacou a participación de 11 adegas que contan co certificado de garantía: A Coroa, Terriña, Adega e viñedos Paco & Lola, Adega Eidos, Adegas Terra de Asorei, Señorío de Rubiós, Viña Costeira, Finca Míllara, Rectoral de Amandi, Vía Romana e Gargalo.

Antonio Casas salientou a “gran traxectoria” desta iniciativa que cumpre esta edición 13 anos “converténdose nunha das experiencias de Turismo de Galicia que mellor funcionan fóra de temporada alta”. Neste sentido, agradeceu ás Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia pola súa colaboración e referiuse a algunha das novidades desta edición.

En concreto, como explicou, o número de establecementos supera os 100 e amplíanse as saídas do Bus do Viño, que este ano incorpora Ferrol entre as cidades de saída que conectarán cos territorios vitivinícolas. Xunto a Ferrol, tamén sairán desde A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e mesmo Ponferrada. “Será, un ano máis, unha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra e tamén para que os propios galegos poidamos descubrir, en parella, en familia ou con amigos, paisaxes e comarcas que aínda non coñecemos”, engadiu o xerente de Turismo de Galicia.

Cinco fins de semana

Primavera de portas abertas nas rutas dos viños comezará o 3 de maio na Denominación de Orixe de Valdeorras.  Desde ese día e durante cinco fins de semana de maio e xuño poderanse facer visitas guiadas e gratuítas ás adegas participantes. En concreto, do 3 ao 5 de maio será na D.O Valdeorras, do 10 ao 12 de maio na de Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.

Nas rutas tamén participan restaurantes onde se poderán escoller menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños da Denominación de Orixe que corresponda. En cada ruta poderase encontrar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana. Organízanse máis de 60 entre showcookings, rutas en bicicleta eléctrica, música en directo e paseos en barco polo Miño, catas a cegas ou con observación astronómica, pícnics entre viñedos, roteiros de sendeirismo, entre outras.

Os interesados en participar atoparán toda a información na guía promocional dispoñible na web de Turismo de Galicia.

instagram facebook twitter youtube